ALCALDÍA

José Ignacio Gómez Pérez     Partido: PSOE

José Ignacio Gómez Pérez

 

Saúda do alcalde

Gustaríame darche a benvida á páxina web do Concello de Ribadavia, un espazo virtual co que pretendemos dar a coñecer o día a día da nosa vila.

Ribadavia, capital do Ribeiro, é coñecida por numerosas cuestións, polo seu viño, pola súa cultura, polo seu patrimonio histórico e artístico, pola súa xudería, pola súa gastronomía e polas súas augas termais, entre outras moitas cousas. Cada ano que pasa, e así o amosan os datos recollidos na Oficina de Turismo, son máis os visitantes que se deciden a pasar por Ribadavia atraídos por todo o mencionado anteriormente.

Por iso mesmo, a través desta ferramenta dixital, un dos nosos principais obxectivos é divulgar todos os reclamos e atractivos turísticos para tentar atraer a todos aqueles visitantes que se queiran achegar ata aquí para gozar das nosas bondades.

Tamén ten cabida un apartado especial para todos os eventos (Feira do Viño do Ribeiro, Mostra Internacional de Teatro, Festa da Istoria, etc.) que teñen lugar no noso concello ao longo do ano e que converten a Ribadavia nun lugar de referencia cultural, tanto a nivel rexional coma nacional ou internacional.

Con este renovado portal, o Concello de Ribadavia pretende ofrecerlle @s nos@s veciñ@s  unha administración virtual que axilice os trámites e xestións, facilitar unha información completa e áxil sobre as novidades municipais e ofrecer unha canle de comunicación interactiva entre a veciñanza e a administración. Pero tampouco queremos esquecer a calidez do contacto físico e persoal, estando sempre á disposición de todo o mundo a casa do concello onde poderá ser atendido persoalmente polo Alcalde, a Corporación ou o persoal do concello.

Queremos facer de Ribadavia un lugar ideal para residir e, para elo, poñemos todo o noso empeño en brindarlle a maior comodidade e calidade de vida a todas as persoas que residen aquí ou para aquelas que nos visitan.

Ribadavia, tes que vir, tes que ver!