AXUDA PROGRAMA EMEGA PARA O FOMENTO DO EMPRENDEMENTO FEMININO

O programa Emega é unha axuda da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia que comprende as seguintes liñas e axudas complementarias:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade.

c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico.

d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica.

e) Axuda complementaria Concilia: co obxecto de promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

f) Axuda complementaria Dual: para incentivar a participación no programa de titorización que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro da convocatoria.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.

Debe tratarse de empresas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

Importe

A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:

Liña Emprende: incentivos desde 12.000 € ata 22.000 €.

Liña Innova: incentivos desde 15.000 € ata 22.000 €.

Liña Activa: incentivos desde 6.000 € ata 18.000 €.

Liña ITEF: incentivos desde 18.000 € ata 50.000 €.

Axuda complementaria Concilia:

  • Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.
  • Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivo de 1.000 € a 5.000 €.

Axuda Dual: incentivo de 500 €.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Pode consultar as bases da convocatoria premendo aquí.

 

Check Also

AXUDA PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CREACIÓN DE EMPREGO E INCREMENTO DA ESTABILIDADE LABORAL

Axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia que ten a …