AXUDAS DO PROGRAMA EMEGA PARA O FOMENTO DO EMPRENDEMENTO FEMININO EN GALICIA PARA O ANO 2018

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia e da Consellería de Preseidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ven de publicar as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia para o ano 2018.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans innova ou activa no período comprendido entre o 1 de setembro de 2017 e a data do fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.

Deben tratarse de empresas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís, ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e fomentar o emprendemento feminino en Galicia e a creación de emprego, por conta propia e por conta allea, para mulleres.

O programa Emega comprende as seguintes liñas e axudas complementarias:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade.

c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico.

d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica.

e) axuda complementaria Concilia: co obxecto de promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades: concilia-promotoras e concilia-persoas traballadoras por conta allea.

f) axuda complementaria Dual: para incentivar a participación no programa de titorización que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro da convocatoria.

Importe das axudas

A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:

a) Liña Emprende: incentivos desde 8.000 € ata 20.000 €.

b) Liña Innova: incentivos desde 12.000 € ata 20.000 €.

c) Liña Activa: incentivos desde 6.000 € ata 15.000 €.

d) Liña ITEF: incentivos desde 16.000 € ata 40.000 €.

e) Axuda complementaria concilia:

Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.

Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 € a 5.000 €.

f) Axuda Dual: incentivo de 500 €.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Pode consultar as bases íntegras da axuda premendo aquí.

Check Also

PRAZAS POLICÍA LOCAL DE RIBADAVIA

Hoxe saiu publicada no BOE (Boletín Oficial del Estdo) a convocatoria das cinco prazas de …