DATOS SOCIOECONÓMICOS

A poboación total do Concello de Ribadavia ascende a 5.187 habitantes (segundo o Instituto Galego de Estatística, a 31 de decembro de 2014), o que supón unha densidade de poboación en torno aos 205,83 hab/km2.

Ribadavia pódese considerar como un municipio singular dende o punto de vista histórico e cultural, cunha tradición bimilenaria enriquecida por diferentes pobos e civilizacións que consagraron unha importante riqueza patrimonial como testemuña o feito de que o seu conxunto histórico fora declarado Ben de Interese Cultural.

A situación socioeconómica do concello estivo tradicionalmente vinculada á actividade do sector vitivinícola e, en menor medida, á primeira transformación da madeira e á fabricación de ataúdes. A día de hoxe, o sector servizos, o turismo e o termalismo son os principais eixos que sustentan a economía.

Factores como a proximidade das áreas metropolitanas de Vigo e Ourense, unido ás boas infraestruturas e comunicacións fan de Ribadavia un lugar moi atractivo para residir e ser un foco importante de atracción de visitantes de distintas zonas de Galicia e España.

Parroquias: 

  • Campo Redondo (Santo André)
  • Esposende (Santiago)
  • Francelos (Santa María Madanela)
  • Ribadavia (San Domingos de Fóra)
  • Ribadavia (San Domingos)
  • San Cristovo de Regodeigón (San Cristovo)
  • Sanín (San Pedro)
  • Ventosela (San Paio)