O RIBEIRO ORGANIZARÁ ACTIVIDADES DENTRO DA ENBHIGA 2019

• O Concello de Ribadavia, o Consello Regulador e a Ruta do Viño do Ribeiro colaborarán nesta acción de promoción da provincia.

• Así o acordaron esta mañá nunha reunión das tres entidades coa Asociación Cociña Ourense, impulsora do evento.

Esta mañá celebrouse unha reunión entre o presidente da Asociación Cociña Ourense, Miguel González, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, e Juan M. Casares, presidente do Consello Regulador e da Ruta do Viño do Ribeiro.
Durante este encontro as catro entidades acordaron a súa colaboración no desenvolvemento da vindeira edición do Encontro Biceoceánico-Hispano de Gastronomía (ENBHIGA 2019) que desta forma terá algunha actividade na vila de Ribadavia como centro e corazón da comarca vitivinícola do Ribeiro. As accións a desenvolver concretaranse nos vindeiros días pero, segundo adiantaron, tentarán amosar aos participantes o potencial termal e cultural da comarca como complemento necesario a un territorio eminentemente vitivinícola.

Segundo César Fernández, alcalde de Ribadavia, “O Ribeiro non podía ficar á marxe dun evento que pode contribuír a darlle á vila de Ribadavia unha maior visibilidade dende o punto de vista turístico e enogastronómico.”

Para Juan M. Casares, “a riqueza non só enolóxica senón tamén histórica, patrimonial e cultural do Ribeiro precisa que se poña en valor de xeito continuo e esta é unha oportunidade inmellorable.”

Miguel González, presidente da Asociación Cociña Ourense, expuxo que “este evento é un espazo para o encontro e intercambio profesionais do turismo gastronómico das dúas orelas do océano. Ten demostrado o seu gran potencial como ferramenta dinamizadora do sector por iso entende que unha comarca senlleira como o Ribeiro debía ter unha representación.”

ENBHIGA 2019
O Encontro Bioceánico-Hispano de Gastronomía, (Enbhiga 2019) celebrarase entre os días 14 e 19 de outubro na provincia de Ourense. Este evento que naceu en 2015 na Arxentina chega por vez primeira a Europa para reunir a cociñeiros, touroperadores e medios de comunicación especializados de todo o mundo, co gallo de coñecer de primeira man os atractivos turísticos das distintas comarcas da provincia.

Check Also

Gañadores do Concurso Fotográfico Online de Disfraces do Entroido 2021 en Ribadavia.

Os premios son 5 vales de 30€ cada un, que serán trocables en calquera establecemento …