RIBADAVIA E MONDOÑEDO TRABALLARÁN DE XEITO CONXUNTO PARA A DEFENSA DOS INTERESES COMÚNS DESTES DOUS CONCELLOS HISTÓRICOS

● Así o acordaron a alcaldesa de Mondoñedo e o alcalde de Ribadavia no encontro mantido entre ambos na capital

Ribadavia e Mondoñedo traballarán de xeito conxunto para a defensa dos intereses comúns destes dous concellos históricos. Así o acordaron a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, na reunión de traballo que se celebrou na casa consistorial de Ribadavia.

No encontro, ambos rexedores afirmaron a necesidade de tender pontes para acordos de colaboración mutua entre dous concellos que posúen moitos intereses comúns e que son, ámbolos dous, lugares determinantes para coñecer e comprender a historia de Galicia.

Candia e Fernández defenderon a necesidade de traballar conxuntamente e de xeito coordinado entre ambas institucións para establecer sinerxias que permitan avanzar en intereses comúns destes dous concellos coma a defensa eposta en valor do patrimonio material e inmaterial que posúen Ribadavia e Mondoñedo.

A rexedora mindoniense aproveitou a visita a Ribadavia para presentar a 28 edición do Mercado Medieval de Mondoñedo e convidar a toda a cidadanía de Ribadavia e da comarca do Ribeiro a visitar Mondoñedo este fin de semana. Asemade, Elena Candia visitou as dependencias da coordinadora da Festa da Istoria para establecer contacto e relación tamén con este colectivo, establecendo un marco de colaboración futuro entre as dúas festas de recreación histórica.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández manifestou que “comezamos hoxe unha nova etapa de traballo conxunto co concello de Mondoñedo para a defensa e posta en valor do noso patrimonio tanto material coma inmaterial, ademais de iniciar o camiño para promocionar de forma conxunta as potencialidades destes dous concellos históricos.”

Check Also

EXTRAORDINARIAS.”Crecendo do local ao global”

Proxecto de formación dixital gratuito: “Extraordinarias” Un programa de capacitación para a transformación e marketing …